Encontro en Vimianzo sobre os fondos Next Generation para os concellos
Vimianzo. Afiprodel Galicia, coa colaboración da Oficina Next Generation da Deputación da Coruña, organizou este luns unhas xornadas informativas e de intercambio cos profesionais de desenvolvemento local da Costa da Morte. O obxectivo era achegar aos concellos desta franxa atlátntica información sobre os fondos e as convocatorias de axudas e tamén potenciar a cooperación e colaboración intermunicipal para aproveitar estas axudas con proxectos para os seus territorios.
Os profesionais da oficina Next Generation deron conta dos seus servizos de información, formación e asesoramento relacionados co acceso e presentación ás convocatorias de subvencións destes fondos. Están a realizar tamén traballos de analise e definición das prioridades estratéxicas para o desenvolvemento da provincia “polo que desexan contar coa opinión e experiencia dos profesionais de desenvolvemento local e as súas achegas para proxectos e liñas de actuación”, afirman desde Afiprodel.
Esta oficina ten a sede no Concello da Capela, acorde coa política de descentralización e dinamización das zonas rurais da provincia. Presta servizo a 93 concellos e, especialmente, aos de menos poboación. Afiprodel achegou a esta oficina o documento elaborado polos técnicos e técnicas dos concellos no ano 2020 para o Plan de Reactivación da Costa da Morte, que xa presentaran á Deputación da Coruña, co desexo de que poida ser de utilidade na confección do futuro plan estratéxico para a provincia. M. L.