Esixen que se mellore o sinal de televisión en Santa Mariña

Telecomunicacións
Manuel Lavandeira
Porto do lugar de Santa Mariña, en Camariñas. Foto: Turismo de Camariñas

Camariñas. A alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua, remitiu un escrito á Oficina Técnica da TDT Galicia para amosar “o malestar do Concello pola situación da recepción do sinal de televisión no lugar de Santa Mariña” e esixir a adopción “urxente das melloras” necesarias.

Ínsua asegura que os veciños e veciñas do devandito núcleo “estiveron sen sinal de TDT desde o venres 23 ata o luns 26 de outubro”. O primeiro corte prodúxose na mañá do venres e, tras dar aviso a Retegal, a avaría foi solucionada, pero pola tarde repetíuse o corte. Ao volver a avisarlle “informóusenos que durante a fin de semana non procedían a reparacións e que, en todo caso, tiñan un prazo de 48 horas”, sinala.

Ademais, no seu escrito, a rexedora de Camariñas informou do mal estado do repetidor de Santa Mariña, que se atopa “en condicións moi deficientes, tanto que nalgunhas ocasións tense cuberto con lonas de plástico para evitar a entrada de auga no mesmo. Ademais, é moi probable que a localización non sexa a máis axeitada, polo que os problemas son habituais”, afirma. Alerta de que este servizo é mais necesario ca nunca logo da declaración do Estado de Alarma”. M. LAVANDEIRA