Estudarán o amarre da frota en contra da nova normativa europea

Obrígalles a instalar en barcos de 4 a 12 metros xeolocalizadores e a notificar as capturas
Mar
Manuel Lavandeira
Porto pesqueiro da vila mariñeira de Malpica de Bergantiños. Foto: C. M.

Malpica. Os patróns maiores das confrarías de pescadores de Galicia reuniranse este sábado de xeito telemático para consensuar accións de protesta en contra da nova normativa europea que obriga a equipar todas as embarcacións de entre 4 e 12 metros con sistema de xeolocalización e cámaras, ademais de ter que rexistrar dixitalmente os datos de capturas e envialos con dúas horas de antelación á entrada en porto, segundo explicou o patrón de Malpica, Pedro Pérez.

A referida lexislación xa está en vigor “e foi aprobada sen falar coa xente do mar”, engadiu. Entre as propostas que barallan é “un día de amarre de toda a frota” en sinal de protesta en contra dun sistema que ven inviable neste tipo de embarcacións, “e que tampouco está a funcionar nos barcos grandes”, afirma.

Segundo Pedro Pérez “a maioría das embarcacións dende que acaban de pescar terían que esperar no mar a que pasasen dúas horas para entrar a porto, e facer un traballo de oficina durante media hora, algo que é inviable, e máis en barcos pequenos que nin ponte teñen”. Ademais, a normativa obriga a notificar os quilos capturados de cada especie “cun marxe de erro mínimo, polo que xa están multando a barcos por pasarse en 2 o 3 kg”.

Dende o sector aseguran que aínda que esta nova normativa se xustifica en aras de reforzar a seguridade da frota, "a verdadeira fin é ter controlados en todo momento ás embarcacións".