Excarcerada a condutora dun coche que envorcou na autovía AG-55 en Baio

Accidente de tráfico
Manuel Lavandeira
O accidente tivo lugar na autovía da Costa da Morte, á altura de Baio. Foto: J. M.

Unha muller tivo que ser excarcerada e posteriormente trasladada en ambulancia ao hospital polos servizos sanitarios de urxencia, despois que envorcase o coche que conducía cando circulaba pola autovía AG-55, á altura do punto quilométrico 56, en Baio (Zas).

O accidente tivo lugar sobre as once e media da pasada noite do xoves e foi un particular quen contactou co 112 Galicia para informar dun vehículo accidentado, sen asegurar se había persoas feridas ou atrapadas no interior do mesmo.

Desde o 112 Galicia pasaron aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Santa Comba e de Carballo, aos membros do GES de Ponteceso e á Garda Civil de Tráfico. Así mesmo, puxéronse os feitos en coñecemento do persoal do servizo de mantemento da vía que, nada máis chegar ao punto, indicaron que o coche accidentado estaba envorcado cunha muller atrapada no seu interior. Finalmente, os bombeiros de Santa Comba confirmaron a excarceración da muller e única ocupante do turismo.