Ferida unha condutora nunha colisión de tres coches en Vimianzo

Un turismo incendiuse cando circulaba polo lugar da Pontella, en Cee
Accidente de tráfico
Manuel Lavandeira
Un dos coches implicados no accidente na AC-552, ao seu paso por Vimianzo. Foto: ADC Bombeiros Costa da Morte

Un accidente acontecido na tarde deste xoves na estrada AC-552, á altura de Cambeda (Vimianzo), saldouse cunha muller ferida de carácter leve. Era a condutora dun dos tres turismos implicados no choque. Os outros dous condutores non sufriron feridas, segundo informaron os Bombeiros de Cee, que acudiron ao lugar para colaborar na limpeza da estrada. No auxilio dos accidentados participaron tamén sanitarios do 061 e axentes da Garda Civil.

Pola mañá, os bombeiros tiveron que sofocar o incendio dun vehículo que circulaba pola estrada que une Cee e Ameixenda, á altura do lugar da Pontella. O coche ardeu por completo e, afortunadamente, o condutor puido abandonar o turismo polo seu propio pé e non sufriu feridas.