Ferido un motorista que caeu na praia dos Muíños, en Muxía

Accidente de tráfico
Manuel Lavandeira
Praia dos Muíños, en Muxía. Foto: Concello de Muxía

Un motorista resultou ferido ao caer na praia dos Muíños, en Muxía, polo que tivo que ser trasladado en ambulancia ao Hospital Virxe da Xunqueira, de Cee. O 112 Galicia recibía ás 9.45 horas a chamada dun particular que alertaba da caída do motorista. Aínda que estaba consciente, o accidentado necesitaba da asistencia dos servizos sanitarios, pois resultara ferido ao golpearse coa area tras caer da moto.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias mobilizou ao persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que se desprazou a bordo dunha ambulancia ata o areal muxián, onde ofreceron atención médica ao ferido. Finalmente, dende a Policía Local de Muxía comunicaron que o paciente foi trasladado ao centro hospitalario de referencia. Acudiron tamén voluntarios de Protección Civil da localidade para colaborar no operativo.