Fogo cruzado entre goberno e o PP muxián polos recibos do lixo e a auga

Os populares ven unha subida de impostos e
o alcalde di que só se regularizan anomalías
Política municipal
Manuel Lavandeira
Momento dunha sesión plenaria da Corporación de Muxía. Foto: Concello de Muxía

Muxía. A portavoz do PP de Muxía, Sandra Vilela, denuncia unha “subida de impostos encuberta” logo de que o Concello dese de alta uns 200 novos recibos vinculados á recollida do lixo. “O que sucedeu”, engade a concelleira, “é que se cruzaron os datos do subministro da auga, provocando que, por exemplo, explotacións gandeiras que non xeran residuos desde tipo, obrígaselles agora a pagar esa taxa e, si a explotación non ten auga, non”.

Os populares consideran que se está “a castigar aos donos de pequenos alpendres ou garaxes que xa pagaban o servizo do lixo na súa vivenda e agora terán que facelo por duplicado”. Porán un servizo xurídico a disposición dos veciños para que poidan tramitar “as queixas”.

Pola súa banda, o alcalde, Iago Toba, di que se trata de “acusacións infundadas do PP, xa que non existe ningunha subida de impostos, nin do lixo nin da auga”. Simplemente, engade, “o Concello detectou que existen preto de 200 puntos (dos máis de 2.700 vivendas, explotacións, garaxes e demais inmobles) que estaban nunha situación irregular, ben sexa por descoñecemento da situación dos propietarios ou por un feito meramente consciente”. Ante esta situación, informaron por carta aos afectados e “puxéronse ao seu dispor dúas persoas do persoal municipal que atenden, evalúan e asesoran persoalmente cada caso”.

Toba di que “este ataque é unha manobra do PP moi inxusta e allea á realidade. A miña forma de entender a política non é esta”. M. L.