Gastronomía, artesanías, obradoiros e música no San Ramón do Allo

A romaría celebrarase ao carón das Torres e acollerá as tradicionais merendas en familia
Festas
Manuel Lavandeira
Momento dunha edición anterior da romaría de San Ramón nas Torres do Allo. Foto: Concello de Zas

Zas. Como cada 31 de agosto a parroquia de O Allo celebra o San Ramón. E co fin de continuar coa recuperación desta romaría tan popular, o Concello de Zas deseñou un programa de actividades, en colaboración coa Deputación da Coruña, que se desenvolverá o propio día da festa na contorna das Torres do Allo.

Entre as 11.00 e as 15.00 horas haberá diferentes postos de artesanía (liño, encaixe, xoias, instrumentos musicais, cesteiría, palla, debuxos feitos con café, complementos...). Esta é unha romaría para toda a familia, así que a partir das 12.00 horas impartirase un obradoiro infantil de barro para o que é necesario anotarse chamando ao 981 751 398 ou ao 981 718 056.

Ao longo da mañá tamén haberá demostracións sobre a montaxe de pandeiretas, elaboración de cestos e de creacións con palla trenzada.

Non faltará a música ao vivo co grupo Tres Pesos. Despois comezarán as tradicionais merendas de campo nun espazo habilitado para este fin e ao que se poden unir todas aquelas persoas que o desexen coa súa propia comida. Tamén haberá unha pulpeira diante do bar-restaurante das Torres do Allo. Unhas actividades que veñen a complementar a variada oferta de propostas que se ofrecen nas Torres do Allo ao longo de todo o verán. M. L.