Gran final da décimo primeira Olimpíada Cultural no IES Fernando Blanco de Cee

Celebrase este mércores a partir das 12.00 horas // Competirán os tres equipos finalistas
Formación
Manuel Lavandeira
A Olimpíada celebrarase no salón de actos do IES Fernando Blanco, de Cee.

O IES Fernando Blanco, de Cee, acolle este mércores 22 de xuño, a partir das 12.00 horas, a gran final da XI Olimpíada Cultural O saber ten premio. Unha cita á que chegaron tres equipos clasificados nas semifinais que se celebraron entre os once que se inscribiron este curso, cada un deles formado por cinco alumnos e alumnas que tiñan que ser obrigatoriamente: tres de bacharelato e ciclos formativos (debendo haber alumnado de ambas as ensinanzas) e dous da ESO.

A proba estará composta de dúas fases. Na primeira os dous equipos clasificados en primeiro e segundo lugar terán que responder a un total de 20 preguntas que se xeran ao chou mediante un programa informático creado polo IES Fernando Blanco de entre máis de 1.000 propostas de todos os departamentos didácticos do centro. Posteriormente terán unha segunda fase consistente nun debate sobre un tema proposto polo xurado, na que deberán demostrar as súas capacidades de argumentación e dialéctica. E da media das dúas probas sairá o equipo gañador.

A gala estará conducida polo xornalista corcubionés Fran Hermida Abelleira, e haberá actuacións musicais e varias sorpresas.

Cómpre lembrar que este proxecto é posible grazas ao patrocinio económico de Xeal, Gerca e Ferretería Roget, que dotan economicamente os tres premios.