Habilitarán o servizo médico do ISM en febreiro pero só de xeito provisional

A CIG denuncia que é un paso cara o peche definitivo // Máis de 1.400 traballadores teñen que desprazarse á Coruña
Servizos
Manuel Lavandeira
Fachada do centro do ISM de Corcubión. Foto: A. G.

A CIG denuncia o deterioro progresivo do servizo de saúde marítima de Corcubión “co obxectivo de camiñar cara ao seu o peche definitivo e, previsibelmente, privatizar este tipo de servizos médicos”. Din que así o confirmou a dirección provincial do ISM na reunión da comisión executiva celebrada o martes, ao anunciar que a cobertura da vacante médica só se fará de xeito provisional durante unha única xornada a mediados do mes de febreiro. Así mesmo, o Instituto Social da Mariña tamén avanzou que se procederá a unha reestruturación do servizo e dos centros nos que se viña realizando esta atención.

O secretario comarcal da FGAMT-CIG da Coruña, Manuel Camiño, denuncia que “unha vez máis o PSOE desmantela servizos que se prestan aos mariñeiros e ás mariñeiras, mentres que o PP dende a Xunta non realiza ningunha xestión para esixir o traspaso das competencias do ISM e por conseguinte da sanidade marítima que tan necesaria é para os traballadores e traballadoras do mar". A este respecto, Camiño lembra que a última reestruturación do Instituto Social da Mariña foi executada polo goberno socialista no ano 2009 e supuxo o peche das oficinas de Laxe e Muxía e tamén se prevía o peche da oficina de Fisterra.

A falta de actividade no centro de Corcubión provoca, segundo a CIG, que os máis de 1.400 traballadores do mar dos concellos de Cee, Corcubión, Fisterra, Muxía, Camariñas, Laxe, Ponteceso e Malpica se teñan que desprazar á Coruña para facer os recoñecementos previos obrigatorios para poder embarcar, “coa conseguinte perda de tempo, gasto económico e saturación do ISM da Coruña que isto conleva”.

A CIG anuncia que seguirá defendendo a continuidade do servizo de saúde marítima no centro de Corcubión e no resto de oficinas locais e reclama do Ministerio de Seguridade Social que cubra “de inmediato a praza de médico e dote de todos os recursos humanos e económicos necesarios para garantir unha adecuada atención”.