Investimentos e servizos sociais priman no maior orzamento da historia de Zas

Política municipal
José M. Ramos
Os membros da Corporación de Zas gardaron un minuto de silencio en memoria das vítimas da violencia machista. Foto: J. M.

Zas. A Corporación de Zas aprobou o maior orzamento municipal da historia, que ascende este ano a 5.353.880 euros. Unhas contas que chegan despois de dous anos de prórroga das aprobadas en 2019 debido á pandemia, e que medrarán en máis de 2,5 millóns de euros coas aportacións de novos proxectos, segundo indicou o alcalde da localidade, Manuel Muíño (BNG).

Por iso, sinalou que se trata dun orzamento “expansivo” no que priman os investimentos (que chegarán ata o 48 % cos incrementos) e as partidas de servizos sociais, especialmente as dedicadas a dependencia e Servizo de Axuda no Fogar, que suman máis de 876.000 euros. En canto aos proxectos contemplados, destacan as reformas dos centros de saúde de Zas e Baio e a ampliación da escola infantil da Galiña Azul.

O PP abstívose porque, segundo o seu portavoz, David Gómez, “son pouco ambiciosos e non contaron con nós para facer aportacións”. J. M.