Jorge de Álvarez súmase ós Grandes Deseñadores na Mostra do Encaixe

Moda gallega
Manuel Lavandeira
César de León, segundo pola esquerda, creador da cervexa Serpent, coa alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua, á esquerda, e a concelleira do Encaixe, á dereita. Foto: C. Camariñas

Camariñas. O deseñador de Viana do Bolo, Jorge de Álvarez, dará na XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas o paso ao desfile de Grandes Deseñadores despois de ser o gañador do certame de Noveis no 2018. “Quero que os noveis vexan que un rapaz coma min, que estivo do seu lado no concurso, agora pode estar coas grandes firmas e iso é moi importante porque as metas poden conseguirse a base de traballo e sacrificio”, explica.

Jorge de Álvarez, que foi o encargado de vestir ás Tanxugueiras para actuar no concurso de Eurovisión, sinte “felicidade porque na Mostra conten comigo para ser parte do xurado e poder presentar a miña nova colección”. “É un orgullo porque foi o lugar que me veu nacer, por así decilo”, confesa. A colección que traerá á Mostra trata “sobre as guerras persoais que sufrimos a maior parte das persoas e que non se ven pero están aí, o vestiario está inspirado en indumentarias militares de distintas épocas”. Aclara que “está feita desde o mes de novembro, non ten nada que ver co horrible conflito bélico que se está a vivir en Ucraína”..

Por outra banda, a Mostra do Encaixe será tamén o marco da presentación oficial ao público da cervexa Serpent, un proxecto de César de León, natural de Dor (A Ponte do Porto) e criado en Xaviña, que, como o seu nome indica, ten un vínculo indiscutible con Camariñas e a súa historia. “O proxecto naceu hai varios anos pero, por temas económicos, non puiden sacala adiante ata o 2021, ano no que comezamos a montar a fábrica cervexeira nunha nave do polígono de Carballo, para no mes de novembro iniciar a fabricación”, conta César de León.

Explica que polo momento hai tres tipos de cervexas Serpent: “unha lager, a típica cervexa que bebe todo o mundo; unha pale lager, moi similar á lager pero cambian as maltas; e unha franciscana, que é unha ipa con bastantes notas florais e sabor a lúpulo”. Ademais, avanza que “queremos sacar en breve unha tostada e unha sen glute”.

A presentación destas cervexas será o xoves 14 de abril ás 18.30 horas na zona de cafetería da Mostra, e poderán degustarse calquera das tres Serpent durante todo o evento. A súa idea de futuro é “trasladar a cervexeira a Camariñas”. O que non cambiará é a esencia do proxecto xa que “o meu obxectivo non é facer unha gran distribución, a miña cervexa está deseñada para ser un produto gourmet, non quero vender volume, quero vender calidade”.

A día de hoxe calquera persoa pode atopar a cervexa Serpent en Camariñas, no restaurante O Bico, no Club Náutico, no Marina, no bar Ariño e no restaurante O Rojo, ademais de Vimianzo, Carballo e nos faros de Fisterra e Carnota.