Máis lectores e préstamos de libros nas bibliotecas municipais de Baio e Zas

No 2022 solicitáronse novecentas obras e inscríbíronse corenta persoas máis no servizo
Cultura
Manuel Lavandeira
A Axencia de Lectura de Baio e a Biblioteca de Zas teñen máis de trescentos cincuenta socios. Foto: Concello de Zas

Zas. A rede de bibliotecas municipais do Concello de Zas –formada pola Biblioteca Municipal de Zas e a Axencia de Lectura de Baio– realizaron ao longo do ano 2022 un total de 900 préstamos gratuítos de libros.

Ano tras ano estas cifras van en aumento así como tamén as relativas ao número de usuarios e usarias, segundo sinalan dende o Concello. No último ano inscribíronse neste servizo 40 novas persoas tanto do municipio zaense coma doutros da contorna. En total, o número de socios e socias das dúas bibliotecas supera os trescentas cincuenta; dos cales máis de cen son prestameiros activos.

A rede de bibliotecas do Concello de Zas conta con máis de 9.500 títulos de diferentes formatos e idiomas; uns fondos que se incrementan todos os anos. Ademais, están incluídas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia o cal permite, entre outras cousas, consultar os materiais dispoñibles a través da seguinte ligazón: https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/.

Están incluídas tamén dentro do programa de dinamización da lectura Ler Conta Moito e, durante todo o ano, organizan diferentes sesións de contacontos infantís a través dos cales fomentan a lectura entre os máis novos mediante a música e as divertidas historias dos ratiños de Trinke Trinke Teatro.

Precisamente os ratos de Lonxedetodo presentarán o día 23 na Axencia de Lectura de Baio e o día 24 na biblioteca de Zas ás 18.00 horas o contacontos Un invento para chegar ao ceo. M. LAVANDEIRA