Medio cento de Muxianas para exalumnos e amigos da USC

Formación
Manuel Lavandeira
Antigos alumnos e amigos da USC no Parador de Muxía co alcalde e o director do establecemento hoteleiro. Foto: Manolo F.

Carballo. O alcalde de Muxía, Iago Toba, fixo entrega de medio cento de Muxianas ao grupo de sendeirismo da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago de Compostela (Alumni USC), tras completar a prolongación xacobea en cinco etapas sabatinas ata o santuario da Virxe da Barca.

O acto tivo lugar no Parador de Costa da Morte, onde compartiron unha comida de confraternidade. O rexedor estivo acompañado polo presidente de Alumni, Agustín Pena; o director do parador, Julio Castro; e a escritora ceense Rocío Leira, autora de, entre outros textos premiados, Veleno en familia. A xornada rematou cun percorrido guiado polas instalacións e pola súa contorna. M. L.