Melloras na estación de tratamento de auga potable de Camariñas

Infraestruturas hidráulicas
Manuel Lavandeira
Estación de Tratamento de Auga Potable de Camariñas, situada na Ponte do Porto. Foto: Concello de Camariñas

O Concello de Camariñas elaborou un proxecto, que conta cun orzamento total de 25.607,64 euros, para levar a cabo unha serie de melloras necesarias na Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) situada en Ponte do Porto.

A ETAP é moi antiga e presenta unha serie de deficiencias que o goberno local quere solucionar canto antes xa que desde esta estación sérvese auga a todo o municipio. A obra está financiada pola Xunta de Galicia, con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental.

Os traballos que se levarán a cabo inclúen a reparación das fugas no circuíto de aire, do decantador e das válculas automáticas, o pintado das paredes e a impermeabilización do solo da sala de reactivos, a instalación dun novo sistema de dosificación de reactivos e a reposición dos depósitos en mal estado por outros novos.

O prazo estimado de duración das obras desde o seu inicio é de 12 semanas.