MercaCee fixo entrega dos premios do primeiro Truco ou Trato de Halloween

Comercio local
Manuel Lavandeira
Os premiados recolleron os seus agasallos na tenda de moda Da Vinci. Foto: MercaCee

A plataforma do comercio ceense MercaCee fixo entrega dos premios do primeiro Truco e Trato de Halloween. A entrañable cerimonia tivo lugar na tenda de moda Da Vinci, onde foi tomada a foto máis votada polos internautas, a do Diablillo, que recibiu a súa bolsa con agasallos xunto co Joker e os demais galardoados de mans de Ana (A Nube de Aixa), Merche (New Faces) e Luisa (Da Vinci), presidenta, vicepresidenta e secretaria, respectivamente, de MercaCee.

Estiveron acompañadas na entrega de agasallos pola responsable dos Servizos Sociais do Concello de Cee, Emilia Trillo, e polo concelleiro Serxio Domínguez, en representación da Deputación da Coruña. Ambas administracións colaboraron nestes galardóns.

Dende MercaCee dan as grazas a todos os partícipes neste concurso, ás entidades colaboradoras e aos comerciantes que forman parte da entidade “por facer posible un evento tan exitoso e que amosa, unha vez máis, que xuntos non só somos máis, senón que somos mellores”, afirman. Trasladan un agradecemento especial a FerSi por imprimir gratuitamente os centos de folletos publicitarios cos mapas do recorrido que tanto éxito tiveron.

O sistema de entrega deste e outros premios de MercaCee segue unha orde rotatoria, polo que todos os negocios irán acollendo actos sucesivos, como os que xa teñen preparados para este Nadal.