Mobilizacións en Xeal para que se readmita a un traballador

Conflito laboral
Manuel Lavandeira
Instalacións da factoría de ferroaliaxes de Xeal en Brens, Cee. Foto: Xeal

Cee. O comité de empresa de Xeal retomará as mobilizacións para demandar que, “de forma urxente, se readmita a un compañeiro despedido”, ao considerar que a medida “ademais de ilegal e que xa foi denunciada, é unha clara represalia polo seu papel como testemuña a favor da traballadora vítima de acoso sexual”. Esixen ademais que a compañía adopte “de inmediato medidas contundentes contra o Coordinador do Servicio de Prevención condenado por acoso sexual, o cal segue traballando con total normalidade”.

Sinalan que a Inspección de traballo “advertiu a Xeal de que incumpriu unha recomendación relativa a protección da dignidade da muller e do home no traballo, xa que cando a traballadora presentou a denuncia ante empresa polo presunto acoso sexual, en lugar de protexela, trasladouna de centro de traballo ubicándoa preto do presunto acosador. Feitos polos que a traballadora causou baixa por motivos psicolóxicos”, afirman. Piden aos directivos da empresa que deixen “de amparar este tipo de comportamentos machistas” e que persigan os comportamentos inadecuados, "especialmente cando se dan en situacións nítidas de abuso de poder".

A convocatoria do comité contempla tres concentracións os días 9, 16 e 23 de febreiro, diante da fábrica de Brens (17.15h.), do Concello de Cee (17.30 h.) e ante a Xunta en Santiago (de 11.00 a 12.00 h.) respectivamente.

Petición de reunións

Asimesmo, dende o comité solicitarán reunións cos concellos e grupos parlamentarios e reiterarán a petición de reunión co vicepresidente segundo e Conselleiro de Economía “pendente de fai meses”, afirman. Demandan á Xunta que interveña e “deixe de ser cómplice destes ataques de Xeal, esixíndolle o inmediato cumprimento das cláusulas das concesións (así como a sentenza do TXSG) e que proceda á reversión dos dereitos de explotación das centrais hidroeléctricas, ante a teima da empresa de desmantelar o complexo industrial e seguir recortando dereitos”.

Para o comité, tamén resulta “vergoñento o silencio das administracións locais, polo que estos ataques representan de negativo para a dignidade da xente da comarca, da destrución programada das fábricas de ferroaliaxes, o empeoramento das condicións de traballo e a perda constante de emprego, mentres se lle recollen esmolas que reparten para tentar lavar a sua imaxe o mesmo tempo que obteñen millonarios beneficios a conta de explotar as nosas centrais hidroeléctricas”, conclúen.