Muxía convida aos seus veciños a presumir do medio rural

Rexeitan así que se queira desprestixiar a quenes viven nas aldeas // Os interesados deben enviar fotografías que serán publicadas no Facebook do Concello
Reivindicación
Manuel Lavandeira
Peregrino desfrutando das espectaculares vistas de Muxía e da ría de Camariñas. Foto: Concello de Muxía

O Concello de Muxía lanza, a través das súas redes sociais, a campaña Ruralísimo coa que pretende reivindicar e dar voz ao rural do municipio. A iniciativa nace para posicionarse totalmente en contra e como crítica tras a decisión dunha maxistrada de Marbella que nos últimos días retirou a custodia a unha nai por vivir na Galicia profunda.

O Concello anima a todas as persoas que queiran participar e unirse a esta protesta virtual a que envíen as súas fotos, gozando e presumindo de rural muxián, ao número de teléfono 696 570 070. Todas as instantáneas recibidas serán recollidas e publicadas nun álbum de fotos no Facebook municipal o vindeiro martes, 2 de novembro.

Tras o lanzamento da campaña, o alcalde, Iago Toba, destacou que “as persoas que tivemos a sorte de nacer no rural, na Galicia profunda, somos conscientes e valoramos moito o que temos, a nosa esencia. Por iso, vémonos na obriga de alzar a voz contra o que cremos que non é xusto”. “É unha verdadeira mágoa que haxa persoas que queiran tirar por baixo e desprestixiar o que somos, xente de a pé, con valores e tremendamente felices de nacer e de vivir onde o facemos”, engadiu.