Muxía e Dumbría volven quedar sen pediatras no verán

Sanidade
Manuel Lavandeira
Concentración da plataforma Pediatras e Matronas Xa, en Muxía, á que se sumaron o alcalde, á dereita, e a concelleira de Educación, Olalla Benlloch, segunda. Foto: Concello Muxía

A historia repítese e os concellos de Muxía e Dumbría volverán a quedar sen consulta de pediatría no verán, e non a recuperarán ata outubro, segundo denuncia a plataforma Pediatras e Matronas Xa.

Un grupo de nais e pais concentráronse esta fin de semana na praza do Coído, en Muxía, para amosar o seu total rexeitamento a que, un ano máis, este municipio quede sen pediatra e sen matrona. Ao acto sumáronse o alcalde, Iago Toba, e a concelleira de Educación, Olalla Benlloch, para acompañar e apoiar ás familias presentes nesta iniciativa.

Tras a reclamación, desde o Concello trasladaron a todas as familias afectadas que se comprometen a apoiar e dar respaldo total neste asunto, con diferentes accións e reunións que se levarán a cabo nas vindeiras datas. De feito, desde o executivo comprometéronse a realizar unha queixa formal en nome do Concello no centro de saúde, para intentar axilizar e buscar vías para resolver esta problemática.

A protesta realizouse nun recinto que actualmente conta cunha gran carga emotiva, xa que na praza do Coído está instalado un parque de atraccións no que concorren cada día moitos dos nenos e nenas que residen na localidade.

“Desde este equipo de goberno sumámonos a esta reivindicación dun servizo que consideramos esencial para todas as familias e faremos chegar novamente este malestar a outras institucións e administracións para intentar resolver este problema”, destacou Toba. Na mesma liña, Olalla Benlloch sumouse “a esta reivindicación xa que consideramos que os nenos e nenas de Muxía merecen unha atención primaria de calidade e que sexan atendidos por un especialista”.

Hai que sinalar que, durante este tempo, as familias deberán levar os seus nenos e nenas ata o centro de saúde de Cee. Esto xerará, segundo a referida plataforma, unha sobrecarga para o especialista ceense e unha saturación das consultas pediátricas.