Muxía impulsa o plan de obras do rural

Infraestruturas municipais
Manuel Lavandeira
Javier Romar, concelleiro de Obras, á esquerda; Iago Toba, alcalde; e Olalla Benlloch, edil de Cultura de Muxía. Foto: C. M.

Muxía. O goberno local do Concello de Muxía sacou a licitación as primeiras intervencións do plan Máis Rural por un valor de 263.000 euros. Está centrado na mellora de vías, estradas e núcleos rurais do municipio. A maioría das intervencións iniciarán a súa execución o longo deste mes de setembro. Así, intervirase en núcleos como Vilastose, A Grixa ou Figueiras, con melloras da drenaxe; en Armear, os Muíños, Vilardeouteiro-Castro, Pasantes-Fumiñeo, Vilarvello e Morquintián coa adecuación das estradas e tamén en Buiturón coa mellora de pistas e camiños.

Desde o goberno local sinalan que “son obras especialmente importantes porque inflúen directamente na solución de problemáticas para a veciñanza, pois as actuacións de drenaxe dan solvencia ás inundacións, entre outras incidencias, en zonas residenciais pero tamén de explotacións gandeiras”. O alcalde, Iago Toba, destacou que “está demostrado que se nos deixan traballar, que si non obstaculizan as nosas intencións, se non existe bloqueo por parte da oposición, temos capacidade para que saian á luz obras fundamentais para o devir de Muxía”, incidindo na “realidade actual, que non é outra que un goberno conformado por tres persoas séntase a escoitar as necesidades reais da veciñanza, contra o bloqueo sistemático de todas as nosas accións por motivos políticos, o que deriva nun perxuízo consciente ás veciñas e veciños de Muxía”, conclúe o rexedor.