Muxía impulsa o plan Máis rural

Asinados os contratos de obras para acondicionar e mellorar estradas locais
Infraestruturas
Manuel Lavandeira
Javier Romar, á esquerda, e Iago Toba, á dereita, asinando cun dos empresarios un contrato de obras. Foto: Concello de Muxía

O Concello de Muxía puxo a primeira pedra do ambicioso plan de intervencións Máis rural, nunha mañá de xoves de récord de sinaturas de contratos de obras. O executivo local, encabezado polo alcalde, Iago Toba, e o concelleiro de Obras, Javier Romar, reuníronse cos responsables das empresas construtoras adxudicatarias para avaliar tamén as datas de comezo dos traballos “para que o resultado sexa óptimo e adecuado a cada intervención”, afirman.

A suma do importe de todas as actuacións asinadas alcanza os 230.000 euros tendo dúas características comúns: que todas inciden en melloras de núcleos rurais e que o 90 % das empresas adxudicatarias son do propio concello muxián. Entre elas destacan a mellora da estrada de Vilardeouteiro a Castro; a mellora da vía en Armear/Agreiras e Os Muíños; o arranxo de pista en Vilarvello (Suxo); as drenaxes e canalizacións de augas en Figueiras, Vilastose e na Grixa; e as melloras no núcleo de Buiturón, ademais doutras.

Tras a firma, Toba destacou que “a xestión do departamento de Obras por parte do concelleiro Javier Romar é impecable, sendo parte fundamental do goberno e nas relacións entre administración e empresas. Esta é unha mostra máis de que este executivo aposta polo rural”. O contacto do edil coa veciñanza, engade o rexedor, “fai que as necesidades históricas deste concello se vexan reflexadas en realidades de proxectos e de obras”.

Nos vindeiros días sumaranse a estas adxudicacións a sinatura de outras importantes actuacións como o acondicionamento da estrada de Suxo a Pardiñas; as melloras no núcleo de Riotorto; a adecuación da estrada de Pasantes a Fumiñeo; ou as melloras dos camiños interiores de Vilela de Morquintián.