Muxía licitará este mes obras por valor de máis de 1,7 millóns de euros

O alcalde, Iago Toba, fala de “investimento histórico” // As preto de trinta actuacións previstas desenvolveranse tanto na capital municipal como nos núcleos rurais
Infraestruturas
Manuel Lavandeira
O concelleiro de Obras, á esquerda, e o alcalde, superando as melloras dunha estrada local. Foto: Concello de Muxía

O goberno local do Concello de Muxía está ultimando detalles para pechar setembro como un mes histórico no que sairán a licitación obras por valor de máis de 1.770.000 euros. Ao plan Mais Rural, do que xa se completou a segunda fase de obras tras licitar a pasada semana máis de 240.000 euros, súmanse investimentos do POS tales como intervencións en Bardullas ou Buiturón.

Deste xeito, “Muxía consolídase como un dos concellos da contorna con mais licitacións en marcha e con récord de investimento”, afirman dende o executivo local. No ambicioso plan de obras recóllense preto de 30 intervencións tanto no núcleo da vila como no rural. “Esta cifra de investimento non se manexaba desde fai bastantes anos neste concello e, gracias a isto, Muxía será o municipio que máis obras porá en marcha no actual e vindeiro mes”, destacou o alcalde Iago Toba.

Ademais, neste lote están incluídas unha serie de intervencións en pequenos núcleos rurais que “a pesares de ter pouca poboación, este equipo de goberno prometeu que non sería un impedimento para facer unhas melloras moi necesarias e reclamadas en diferentes lexislaturas polos propios veciños. Así é o caso de Martineto ou Figueroa, onde reunímonos coa veciñanza en diferentes ocasións para que o que estamos a vivir hoxe sexa unha realidade”, destacou Toba.

O concelleiro de obras, Javier Romar, tamén puxo en valor que “a través deste ambicioso plan de obras poñeremos solución ás demandas históricas dos veciños e veciñas e cumpriremos coa promesa feita por este equipo de goberno, a pesar das dificultades e trabas que tivemos durante anos por parte da oposición”.

Na mesa liña, o alcalde Iago Toba salientou que “se nos deixan traballar, nós traballamos e sacamos as cousas adiante. Non é a primeira vez que o facemos, nin será a última. Con traballo, esforzo e dedicación propoñemos este plan de obras que será histórico para Muxía, a pesar de todos os obstáculos que a oposición puxo no noso camiño durante todo este tempo”.