Nova concentración dos traballadores de Xeal diante do Concello de Cee

O vindeiro día 23 protestarán ante o edificio da Xunta, en Santiago // Demandan un convenio colectivo propio e un plan industrial, e rexeitan a “represión sindical”
Conflito laboral
Manuel Lavandeira
Concentración dos traballadores e traballadoras de Xeal diante do Concello de Cee. Foto: CIG

Os traballadores e traballadoras de Xeal volveron a concentrarse diante do Concello de Cee “en contra da represión sindical, en defensa do mantemento do convenio colectivo propio e por un plan industrial que garanta a continuidade dos empregos e da actividade produtiva”. Coa protesta tamén demandan a readmisión “do compañeiro do comité que foi despedido e que a dirección adopte medidas contundentes contra o condenado por vulnerar os dereitos fundamentais dunha traballadora subordinada”, afirman.

Para o vindeiro mércores, 23 de febreiro, as mobilizacións trasladaranse a Santiago de Compostela cunha concentración diante do complexo administrativo da Xunta en San Caetano, de 11.00 a 12.00 horas, para reiterar a petición de reunión co vicepresidente e conselleiro de Economía, Francisco Conde, “pendente dende hai meses, para abordar a situación produtiva nas fábricas, o desmantelamento progresivo destas por parte da empresa e os ataques aos dereitos dos traballadores e das traballadoras”.

Cómpre lembrar, engaden, “que Xeal deu por decaído o convenio colectivo propio e xa está a aplicar o convenio sectorial do metal da Coruña, de condicións inferiores, en todas as materias. Contra desta decisión o comité interpuxo conflito colectivo para que se siga aplicando o convenio de empresa mentres non se chega a un acordo para un novo convenio, pero a día de hoxe a dirección non deu nin un só paso nesta dirección”.

Por outra banda sinalan que “a isto hai que sumar a represión sindical, materializada entre outras accións, no despedimento dun membro do comité por testemuñar a favor dunha compañeira que denunciou acoso sexual e laboral, mentres a dirección segue sen adoptar medidas contra o coordinador do servizo de prevención condenado, que segue traballando con total normalidade”.

Por todo isto, o comité reclámalle unha vez máis á Xunta de Galiza que interveña, “esixíndolle a Xeal o cumprimento das cláusulas das concesións (así como a sentenza do TSXG) e que proceda á reversión dos dereitos de explotación das centrais hidroeléctricas, ante a teima da empresa de desmantelar o complexo industrial e seguir recortando dereitos”.