Nova instalación eléctrica e iluminación para o castelo de Vimianzo

Servizos
Manuel Lavandeira
Castelo de Vimianzo. Foto: Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña abriu o proceso de licitación das obras de reforma da instalación eléctrica de baixa tensión e mellora da iluminación do Castelo de Vimianzo. Por ser un Ben de Interese Cultural (BIC) realizarase a substitución de condutores, mecanismos e elementos de iluminación minimizando a actuación sobre a contorna. Contará cun orzamento de 103.751,96 euros.

A reforma inclúe a instalación de cadros eléctricos novos, ademais da nova iluminación e novos aparellos de emerxencia e sinalización. Tamén se instalarán novos condutores onde sexa necesario, e novas canles realizadas en tubaxe de cobre para canalizar os novos circuítos. Instalarase unha nova toma de terra e comprobarase o correcto funcionamento da mesma en todo o edificio. A instalación cumprirá estritamente todos os requisitos e esixencias básicas en temas de seguridade estrutural e no caso de incendio, así como as esixencias básicas de aforro de enerxía.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, subliñou que este proxecto é unha “continuación da firme aposta provincial polo coidado e posta en valor dun dos elementos patrimoniais máis emblemáticos de Vimianzo e da provincia da Coruña, que acolle anualmente eventos culturais como a Mostra de Artesanía en Vivo”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, quixo agradecer “á Deputación, ao seu presidente e a todo o equipo técnico os esforzos porque este proxecto sexa unha realidade”, que contribuirá “en gran medida a continuar ensalzando un dos nosos estandartes”, subliñou.