O ‘Beti Donosti’ da nome á sala de exposicións do Museo dos Naufraxios

Homenaxe
Jose Manuel Ramos
Pesquero ‘Beti Donosti’. Foto: Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación

Camariñas. O Concello de Camariñas decidiu bautizar co nome de Beti Donosti á sala de exposicións permanente coa que contará o futuro Museo dos Naufraxios, que se construirá no actual edificio da lonxa vella da vila mariñeira. O goberno local tomou a decisión esta semana co obxectivo de homenaxear deste xeito aos sete tripulantes do pesqueiro camariñán Beti Donosti, afundido na costa de Almería o 26 de abril de 1991. A bordo ían Javier Campaña, os irmáns Juan José e Roberto Pensado, Manuel Carril, Baldomero Evangelista, Manuel Suárez e Domingo Tajes. Continúa así a política do executivo camariñán de darlle o nome de veciños e veciñas senlleiras a espazos característicos do municipio, como ocorreu anteriormente co nomeamento da aula Raquel Moreira do Museo do Encaixe ou o pavillón municipal Víctor Vigo. J. M. R.