O BNG de Corcubión recurre o proceso selectivo de albaneis

Alega que houbo discriminación entre os aspirantes e que hai irregularidades “evidentes”
Política municipal
Manuel Lavandeira
Casa consistorial de Corcubión

O BNG de Corcubión presentou no rexistro municipal un recurso potestativo de reposición contra a resolución da alcaldía que resolvía adxudicar as prazas de oficial de 2ª, despois de revisar o expediente administrativo, e comprobar “que as irregularidades detectadas durante todo o proceso selectivo eran tan evidentes, que non admitían escusas, provocando unha evidente discriminación entre os aspirantes”, sinalan.

Afirman que “o erro máis grave do tribunal foi o de non realizar a proba de galego, considerando aptos a todos os aspirantes”. Din que o alcalde “manifestou que algún membro do tribunal lle dixo que fixeran un exame oral, intentando emendar o fraude, máis non foi verdade, porque non fixeron proba escrita de galego nin oral, nin de forma individual nin colectiva, opción esta última que xa sería o colmo” engaden..

O recurso refírese tamén a outras irregularidades “como a falta da presencia mínima e necesaria dos membros do tribunal en todas as probas, que invalida calquera acto do proceso, e que non foi negado por eles, ademais da inexistencia de actas en todas as probas realizadas, cuestións que vulneran todos os principios que deben informar un procedemento selectivo de persoal para a administración”, afirman os nacionalistas.

O seu portavoz, Lois Lado, asegura que “o alcalde pediu que a nosa denuncia non quedara só en palabras, pois xa ten un recurso enriba da mesa para resolver. Veremos si demostra ser obxectivo e neutral, ou si vai a encubrir as irregularidades cometidas polo tribunal”. O concelleiro engadiu que “o normal é que anulen o proceso e o repitan, cun tribunal distinto e imparcial, sería o máis xusto para todos. É o que pide a xente na rúa”. Finalmente, Lado apuntou que “todos sabemos que o alcalde non forma parte dos tribunais, pero ollo, é o que nomea os membros do tribunal e o que manda elaborar as bases e as aproba. Si non se cambian as regras de xogo e o resultado sempre é o mesmo, aprobando sempre os mesmos aspirantes, sen dúbida ningunha, el é o único responsable de que o xogo estea amañado”.