O goberno de Corcubión acusa ao BNG de comezar “unha competición electoral”

Política municipal
Manuel Lavandeira
Casa consistorial de Corcubión

O goberno de Corcubión (PSOE) acusa ao BNG de “iniciar unha longa competición electoral” e cualifica de “panfleto” o boletín informativo difundido polos nacionalistas. Respecto ás críticas, o executivo local quere aclarar que o centro de día segue sin abrirse “pola negativa do goberno da Xunta a asumir este servizo básico para a nosa bisbarra”. O alcalde, afirman, reuniuse en diversas ocasións coa conselleira e cos responsables do Consorcio Galego de Benestar, “reunións que non deron froitos”. Ten pedida outra xuntanza coa conselleira “desde hai catro meses, pero seguimos á espera e seguiremos insistindo”.

Lembran ademais que o PSOE presentou varias preguntas no Parlamento e incluiu emendas aos orzamentos da Xunta “todos os anos, sempre rexeitadas polo rodillo do PP”.

Por outra banda, o goberno corcubionés asegura que xa está activo o plan de limpeza anual de todo o concello, a través da brigada de Obras e Servizos contratada co PEL da Deputación. En relación ao parque infantil do colexio din que “é unha conquista da comunidade educativa, en plena sintonía co Concello, e o compromiso do executivo local co colexio é total”.

Aclaran tamén que a Deputación da Coruña xa está elaborando o proxecto da senda peonil ata o faro e que no plan de acondicionamento da Agra da Ribeira “levamos traballando moito tempo” e o compromiso cos veciños “tardou en materializarse porque pretendiamos que foxe un proxecto ambicioso”. Agora, engaden, “co investimento de 150.000 euros esperamos solucionar os problemas das augas pluviais e a carencia de aparcamentos”.