O PP de Muxía denuncia que varios edificios municipais teñen goteiras

Política municipal
Manuel Lavandeira
Sandra Vilela, portavoz del PP de Muxía

A portavoz do PP de Muxía, Sandra Vilela, denuncia o “estado de abandono no que se atopan os edificios municipais”, entre os que cita o de servizos múltiples, o pavillón, a oficina de peregrinos ou o local social dos xubilados. Asegura que teñen “goteiras e entradas de auga o que fai, incluso, nalgúns casos, a imposibilidade do seu uso” explica, facendo referencia á anulación de eventos deportivos e culturais.

“Unha vez máis estamos a falar dunha deixadez por parte do goberno local xa que son plenamente conscientes da situación destes edificios, aos cales non se lle fixo ningún tipo de mantemento en 3 anos” engade. “Nin sequera se fai a limpeza de teitos e canalóns o que fai que a situación sexa peor do que sería se alomenos se fixera unha mínima actuación. Calquera pode ver as plantas no teito do edificio de servizos múltiples ou do pavillón”, sinala a edil popular.

Sandra Vilela di que xa denunciaron esta situación noutras ocasións. “O problema é máis grave do que parece xa que a apatía fai que cada vez se agrave máis e cando haxa que resolvelo será moito máis costoso e difícil de solventar que si se resolvera cando empeza a aparecer a auga”, afirma.

Os populares sinalan ademais que goberno local fixo distintas promesas ó longo da lexislatura. "Falamos dos anuncios feitos sobre un ambicioso proxecto para o polideportivo municipal que só foi realidade na prensa e que nunca vén a pleno, ou das reiteradas promesas á asociación de pensionistas sobre a reparación do seu local, aos que se lle ía dando unha data detrás doutra para o inicio da obra”, sinala a portavoz do PP.