O PSOE recolle as necesidades sanitarias, pesqueiras e de infraestruturas en Muxía

Política municipal
Manuel Lavandeira
Begoña Rodríguez, Iago Toba, no centro, e Luís Álvarez na xuntanza mantida este martes. Foto: PSOE

O voceiro parlamentario do Grupo Socialista, Luís Álvarez, xunto coa vicevoceira Begoña Rodríguez Rumbo, mantiveron este martes unha xuntanza de traballo co alcalde de Muxía, Iago Toba, para coñecer de primeira man e polo miúdo as demandas que o goberno municipal lle está suscitando á Xunta de Galicia dende hai tempo, “sen que polo momento haxa ningún tipo de resposta nin avance”, afirman.

En concreto, as reivindicacións vertébranse sobre tres eixos: o sanitario, o da pesca e o das infraestruturas. No primeiro ámbito, o alcalde puxo de manifesto as deficiencias que existen canto á atención primaria e a pediatría no concello. Nesta liña, afirman, “a falta de profesionais está a mermar de maneira considerable a calidade da atención que reciben os veciños e veciñas de Muxía”. Trátase dunha situación, engaden, “ao igual que acontece en numerosos puntos da comunidade autónoma, derivada dos recortes e do conformismo do goberno de Feijoo na sanidade pública e que está a ocasionar demoras inasumibles na atención aos pacientes, incluso para os máis pequenos pola falta de pediatras”.

Por outra banda, Toba tamén lles trasladou a preocupante situación do secadoiro de congro da localidade, o único que queda no municipio. O rexedor reiterou a súa “indignación polas restricións que está a poñer a Xunta para que poida desenvolver a súa actividade con normalidade, tendo en conta ademais que se trata dun oficio que mantén unha técnica tradicional e artesanal e de elevado valor turístico”. Nesta liña reclama protección “e non atrancos” para o sector e as familias que viven desta arte.

Finalmente, o rexedor muxián tamén incidiu nas demandas realizadas ao goberno galego para que leve a cabo actuacións de mellora no sistema de abastecemento da vila, “sen que, polo de agora, houbese resposta a esta petición”.

Tras expresar o seu apoio ao alcalde e ao goberno local de Muxía en estas reivindicacións, o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, e a viceportavoz, Begoña Rodríguez Rumbo, anunciaron a presentación de diferentes iniciativas parlamentarias para instar á Xunta a que “cumpra con Muxía e atenda estas demandas”.