Once funcións escénicas en Cee, Vimianzo e a capital de Bergantiños

Forman parte da programación do segundo semestre da Rede Galega de Teatros e Auditorios e catro fornecerán o FIOT
Teatro
Manuel Lavandeira
A obra ‘A familia real’ representarase en Vimianzo o vindeiro 15 de outubro. Foto: Xunta

Vimianzo. A Xunta contribuirá ás ofertas culturais de Carballo, Vimianzo e Cee con 11 funcións escénicas programadas a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios ao longo do segundo semestre deste ano. Catro destas representacións fornecerán a carteleira do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo.

Este venres, día 30 ás 12.00 horas, o Pazo da Cultura acollerá a primeira. Galeatro Producións Escénicas presentará en preestrea Wombo Combo. Os días 7 e 8 de outubro, Mofa & Befa dará a coñecer con senllas funcións Pirolíticos, obra dirixida por Clara Gayo. Xa o día 12 de outubro chegará o espectáculo Esas cousas marabillosas, de Empatía Teatro, unha obra escrita por Duncan MacMillan.

En Vimianzo, haberá tres representacións en outubro e novembro. A primeira delas correrá a cargo da compañía Olivas Negras, que representará A familia real (15 de outubro). Xa o día 29 do mesmo mes, Malasombra brindaralle ao público a súa peza De algo hai que morrer. Pola súa banda, o Grupo Chévere recalará na capital de Soneira o 19 de novembro coa xira do seu espectáculo máis recente: N.E.V.E.R.M.O.R.E.

En Cee están programadas dúas funcións. No mes de novembro a compañía La sonrisa del Lagarto representará o día 5 a obra para o público familiar La Mona Simona. Xa en decembro, o sábado 3, Con de Tres Pés actuará coa súa peza Quen dixo medo? Complementarán as outras dúas funcións que xa se celebraron no mes de agosto. M. L.