Os Policías Locais solicitan un plan de prevención e control de aglomeracións

A UGPOL trasladou unha proposta á Xunta e á Fegamp
Seguridade Cidadá
Manuel Lavandeira
Os directivos da UGPOL, Manuel Blanco, no centro, e Juan José Abelleira, á dereita, nunha xuntanza anterior co presidente da Fegamp, Alberto Varela.

A Unión Galega de Policías Locais (UGPOL) remitiu á Xunta e á Fegamp un documento técnico solicitando a implantación dun plan policial de prevención e control de aglomeracións de persoas en zonas de uso público agora que rematou o estado de alarma.

Segundo sinala Manuel Blanco, secretario da UGPOL e axente en Muxía, entre os obxectivos da proposta están o de fortalecer a seguridade, incrementar as medidas de autoprotección e apostar pola prevención policial. Con tal fin consideran necesario detectar zonas e horas de risco de aglomeracións, lembrar a través de bandos a obriga da hostalería de colaborar e chamar á Policía cando se den situacións de risco.

Ademais, entenden que é preciso reforzar o número de axentes e mandos a determinadas horas para controlar a mobilidade, as infraccións máis graves e as festas en inmobles, e tamén aumentar a presenza de policías de paisano e as patrullas nocturnas en moto. Medidas que, na opinión da UGPOL, deberían complementarse con dotacións tecnolóxicas, como cámaras unipersoais e o acceso directo a bases de datos.