Pili Pampín amenizará a Festa dos Maiores de Muxía

Celebración
Manuel Lavandeira
A artista galega Pili Pampín animará a sobremesa da Festa dos Maiores, en Muxía. Foto: ECG

Tras dous anos de parón , Muxía volverá a celebrar a Festa dos Maiores. Será o 28 de maio e están convidadas todas as persoas maiores de 65 anos (incluídos os de 65 e as persoas pensionistas) que se queiran achegar a vivir unha xornada inesquecible. Tan só deberán retirar as súas entradas presentando o seu DNI na oficina que estará habilitada no terceiro andar da Casa do Concello, en horario de 10.00 a 13.00 horas. A data límite será o luns 23 de maio e cada persoa poderá acudir cun acompañante, que deberá retirar tamén a súa invitación

Os actos comezarán ás 11.00 horas cunha misa cantada no santuario pola Coral Polifónica Virxe da Barca e a partir das 14.00 horas comezará o xantar no pavillón polideportivo. O acceso ao recinto estará aberto a partir das 13.30 horas. O grupo de música tradicional Xaramiños do Corpiño amenizará a entrada dos comensais no recinto. E despois do xantar, os asistentes poderán gozar dun concerto da artista Pili Pampín, á que acompañarán tamén o grupo Élite e Manolo Delfín.

Dende o goberno local que preside Iago Toba destacan “as ganas de vivir unha xornada única xunto ás nosas persoas maiores que son símbolo da nosa cultura, raíces e sabedoría”.