Presentan un libro e o patrimonio de Brandomil no instituto de Baio

Presentación
Manuel Lavandeira
Tania Carreira e Enrique Iglesias na presentación do libro no IES de Baio. Foto: IES Maximino Romero de Lema

A Fundación Brandomil presentou no IES Maximino Romero de Lema o libro Brandomil na historia, un couto de mulleres, ante alumnado de segundo de bacharelato. O acto literario comezou coa presentación dos convidados por parte da alumna Tania Pose Rey e a intervención de Tania Carreira Rial, técnica de Patrimonio do Concello de Zas, que estivo acompañada polo secretario da fundación, Enrique Iglesias Seoane.

Tania Carreira fixo un percorrido pola historia de Brandomil, dende os tempos antigos pasando polas épocas de romanos, xermanos, a Idade Media..., poñendo o foco de atención nas descubertas arqueolóxicas que permitiron constatar que a localidade conta cun patrimonio do que aínda se descoñece a magnitude, e que debe darse a coñecer para que sexa defendido e preservado pola comunidade.

“Falamos dunha zona rica en castros (Brandomil, Atrás, Aquelabanda) e con importantes vestixios de tempos da ocupación romana. Proseguir as escavacións arqueolóxicas permitiría afondar no coñecemento histórico da zona. Igualmente, a posta en valor debe favorecer o acceso das persoas ao gozo do noso patrimonio histórico e cultural. Pero é un traballo custoso, polo que, neste sentido, coma é o caso, é necesario o apoio das administracións públicas coma o Concello de Zas”, afirmou a técnica municipal.

A Fundación Brandomil cedeu varios exemplares do libro para a biblioteca do IES Maximino Romero de Lema.