Procesións motorizadas e con premios en Cee e Baio na honra de San Cristovo

En Carnés, despois da tradicional Faguía dos callos, bailarán durante tres días máis ao ritmo das orquestras París de Noia, Combo Dominicano e Olympus
Festas
Manuel Lavandeira
Primeira verbena das festas de San Cristovo en Cee, amenizada polo dúo Ciclón e Mega CDC. Foto: Iván Pérez

Cee. A festividade de San Cristovo celebrarase por todo o alto este domingo en diversos puntos da Costa da Morte. En Cee e Baio honrarán ao patrón dos automobilistas coas tradicionais procesións motorizadas nas que os participantes cos coches mellor engalanados terán premio.

En Cee os actos comezarán ás 12.00 horas coa función de San Cristovo, amenizada pola soprano Gemma Román, e unha hora despois comezará a procesión motorizada amenizada polo grupo de gaitas Fumes do Cal. Ao remate, na Alameda, haberá un concerto da Banda Municipal de Cee e farase a entrega dos premios. Da organización encargarase a Asociación Amigos da Xunqueira.

En Baio, a misa na honra de San Cristovo tamén comezará ás 12.00 horas e despois partirá a procesión. A música chegará da man da Banda de Ponteceso, a A. C. Adro, Unión y Fuerza e o Grupo Bomba. O luns rematarán os festexos coa celebración de Santa Bárbara, sesión vermú e verbena con Foliada e o concerto de Los Coleguitas.

Pola súa banda, en Carnés (Vimianzo), logo da tradicional degustación de callos da Faguía (declarada Festa de Interese Turístico de Galicia) e o concerto de Galván Real, a parroquia vimiancesa vivirá tres días de animadas festas na honra de San Cristovo. A misa solemne será hoxe, ás 12.00 horas, cantada por Los Támega e Irma Macías. Na verbena actuarán París de Noia e Acordes. Combo Dominicano, Alabama, Olympus e Unión y Fuerza porán a música o luns e martes. J. M.