Proxectan unha senda peonil para Ameixenda

Mobilidade
Manuel Lavandeira
O presidente da Deputación e a alcaldesa de Cee supervisando a zona onde se creará a senda peonil. Foto: D. C.

A Deputación da Coruña levará ao pleno deste venres o convenio co Concello de Cee para financiar a construción dunha senda peonil na antiga AC-197 ao seu paso polo núcleo da Ameixenda. A actuación, valorada en 110.770,88 euros dos que a Deputación aportará 88.616,70 euros, o 80% do orzamento, permitirá mellorar a seguridade da veciñanza de Ameixenda que dan os seus paseos polo tramo que sae do núcleo cara o sur e finaliza na estrada AC-550 nunha área recreativa que conta cunha vista panorámica da ría de Cee e Corcubión desde onde se divisa o monte Pindo e as Illas Lobeiras.

A senda mellorará tamén a seguridade no acceso a pé da veciñanza ao cemiterio, ao que se dotará de conexión coa traída de augas. O proxecto inclúe a creación dun itinerario peonil de 640 metros de lonxitude e 2 metros de ancho, que discorrerá pola marxe dereita da vía e que se executará en formigón de color ocre e que contará cun bordo con 7 centímetros sobre o asfalto.

Ademais, instalarase un paso de peóns sobreelevado para reducir a velocidade do tráfico nesta zona, onde está situado un cemiterio, habilitarase o sistema de recollida de pluviais mediante sumidoiros cada 40 metros e instalarase unha canalización de abastecemento que levará auga potable ao camposanto.