Reactivan os traballos de mellora das estradas e pistas locais en Muxía

Infraestruturas viarias
Manuel Lavandeira
Obras de acondicionamento dunha pista municipal en Muxía. Foto: C. M.

COSTA DA MORTE. O Concello de Muxía retomou os traballos de mellora nas vías e pistas do municipio, tras os festivos de Semana Santa e a mellora das condicións meteorolóxicas. Nesta ocasión, procederon a construir unha entrada nunha pista con asfalto en Calo, unha zona que presentaba complicacións frecuentemente debido a que o firme era de barro. Este tipo de actuacións levarase a cabo nas vindeiras datas, nos espazos do concello que presenten ditas características, segundo informa o goberno local.

Por outra banda, este mércores comezará a intervención para mellorar a estrada que une os lugares de Santa Mariña e Bouzas. As actuacións enmárcanse no plan de traballo impulsado polo Concello para a reparación e reposición do firme en distintas vías locais, que é unha das prioridades do executivo muxián. M. L.