Recala en Muxía a mostra ‘15 visións–Express-Arte’

Exposición
Manuel Lavandeira
A mostra poderá visitarse ate o 22 de novembro na Sala da Camposa. Foto: Concello de Muxía

O Concello de Muxía acolle ate o 22 de novembro a exposición fotográfica 15 visións – Express-Arte, que se pode visitar na Sala da Camposa (Edificio de Servizos Múltiples municipal), en horario de 11.30 a 13.30 horas.

Esta mostra foi creada no marco do programa de inserción laboral para vítimas de violencia de xénero e impulsada pola Asociación de Xóvenes Emprendedores Lucenses (AXEL).

Dito programa busca fomentar o empoderamento das mulleres, facilitar o seu coñecemento sobre o mundo empresarial, mostrarlles as posibilidades do autoemprego e desenvolver as capacidades e potencialidades das participantes.

É un traballo artístico realizado por 15 mulleres vítimas de violencia de xénero versionando obras de arte recoñecidas na historia, como A Gioconda, de Leonardo da Vinci, ou La maja vestida, de Goya. Ditas fotografías ofrecen unha perspectiva diferente baixo o prisma de xénero das realidades que son representadas nesas imaxes.

A exposición foi cedida pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia dentro do programa de actividades que ofertan ás entidades locais en colaboración coa Fegamp.