Recoñecen ao Bela Fisterra como un hotel sustentable

Convértese no décimo establecemento co distintivo S do ICTE en todo o ámbito nacional
Certificación
Manuel Lavandeira
Pepe Formoso, á esquerda, xerente do hotel Bela Fisterra, e Fernando Fraile, director xeral do ICTE. Foto: B. F.

Fisterra. O hotel Bela Fisterra convérteuse nun dos dez establecementos no ámbito nacional que ten o selo de S de Sutentabilidade que outorga o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE). É ademais o único ubicado na Costa da Morte.

O selo de Sustentabilidade Turística é unha marca española que certifica o ICTE cando a organización turística cumpre con polo menos coa Especificación Técnica de Cumprimento de Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) en organizacións turísticas ou ben coa Norma UNE- ISO 21401:2019 Sistema de Xestión de Sustentabilidade para aloxamentos.

O ICTE é unha organización empresarial privada sen ánimo de lucro nacida no ano 2000. Da súa xunta directiva forman parte as principais patronais turísticas do país, a Secretaría de Estado de Turismo, as Comunidades Autónomas e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

Actualmente contan co distintivo S de Sustentabilidade, ademais do Bela Fisterra, Apartamentos Trisquel (Sanxenxo), Camping Isla de Ons (Bueu), Camping Paisaxe II (San Vicente Do Grove), Casa De Cacheiro (Pontevedra), Lamela Hotel Pousada Real (Caldas de Reis), Hotel Roquiño (Caldas de Reis), Hotel Talaso Louxo La Toja (O Grove), Spa Hotel Bosque-Mar (O Grove) e Casa Montaña (Valencia).

Este recoñecemento vense a sumar ás distincións que xa posúe Bela Fisterra: Q de Calidade Galicia, Calidade Xeotermia, dous Graphics de Ouro, Graphics de Prata, Laus 2019 bronce, dous Anuaria e Shortlist nos Comunication Arts Awards. Ademáis o seu proxecto representou a España na BID-Bienal de Iberoamerica de Deseño e foi finalista BID, 2 Paraugas. Finalistas. Premios de Comunicación e Marketing de Galicia.