Recuperan a cita gastronómica dos socialistas de Muxía en Ponteconstante

Política municipal
Manuel Lavandeira
Iago Toba, á esquerda, Olalla Benlloch e Javier Romar. Foto: PSOE

O PSOE de Muxía recupera este sábado, día 25, e tras varios anos sen celebrase, a tradicional e histórica churrascada dos socialistas en Ponteconstante. A actual dirección do partido, liderado polo alcalde, Iago Toba, e os dous concelleiros, Olalla Benlloch e Javier Romar, traballaron por recuperar esta tradicional xuntanza que levaba varios anos sen celebrarse, incluso antes da pandemia.

Instalaranse carpas para que, no caso de choiva ou inclemencia meteorolóxica, as persoas asistentes poidan gozar dunha xornada única e agradable. “Temos a ilusión de xuntar a moitas persoas e recuperar o que é unha celebración cargada de simboloxía e tradición para o noso partido, tanto pola súa historia como polo especial da contorna que engloba Ponteconstante”, destacou Toba.

Desde a dirección do partido tamén esperan que esta “sexa unha edición histórica en número de asistentes e, polo de agora, a resposta e a acollida da xente está a ser moi boa”, afirman.