Renovadas máis do corenta por cento das luminarias exteriores de Vimianzo

Na capital municipal están en marcha os traballos de soterramento do tendido eléctrico
Servizos municipais
Manuel Lavandeira
Renovación das luminarias no Concello de Vimianzo. Foto: C. V.

O Concello de Vimianzo xa conta con máis do 40% das luminarias exteriores renovadas grazas o proxecto de mellora enerxética do IDAE, que comezara o a finais de outubro de 2021. O proxecto, que ascende a 2,3 millóns de euros grazas á subvención acadada co Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE), permitirá conseguir un aforro de máis do 50% para as arcas municipais, á vez que se mellora en estética e seguridade tanto peonil como para condutores e condutoras.

Rematáronse por completo os traballos en Baíñas, Bamiro, Berdoias, Calo, Carantoña e Tines. As tarefas estanse desenvolvendo nestes intres en Castrelo, Cambeda, Cereixo e Salto. Durante o mes de maio, as instalacións comezarán tanto na parroquia de Vimianzo como na de Treos. Cabe lembrar que estas serán máis eficientes e que se conseguirá un menor impacto ambiental. Estas luminarias empregan o 95% da enerxía da luz e tan só se desperdicia un 5% en calor, facéndoas máis duradeiras.

O concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez, destacou o “bo ritmo ao que están avanzando as intervencións, e xa son moitos veciños e veciñas quenes destacan que a mellora é máis que notable”. Avanza que “xa se está traballando tamén no soterramento das liñas do tendido eléctrico no caso urbano de Vimianzo”.