Renovan a rede que abastece a 2.500 veciños de Camariñas

Infraestruturas hidráulicas
Manuel Lavandeira
Obras de renovación da rede de abastecemento de auga de Camariñas. Foto: Deputación da Coruña

Camariñas. As obras de renovación da rede principal de abastecemento de auga de Camariñas avanzan a bo ritmo. Estanse a executar principalmente na zona coñecida como A Reja e están valoradas en 102.266,95 euros. Os traballos están financiados pola Deputación e o Concello..

Estas intervencións implican a substitución da anterior tubaxe de fibrocemento que une o depósito de abastecemento de Camariñas con Outeiro, onde se realiza a conexión coa tubaxe existente, por unha nova de polietileno.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destaca “o compromiso” do goberno provincial para apoiar aos municipios coruñeses na mellora das súas infraestruturas e servizos básicos coma o abastecemento de auga.

Pola súa banda, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, explica que “esta era unha rede moi antiga, que tiña que ter un constante mantemento xa que sufría periodicamente fallos no subministro e avarías”, e subliña a importancia da obra xa que “esta traída dá servizo a uns 2.500 veciños e veciñas, aumentando esta cifra no verán, e ademais abastece a unha das principais industrias conserveiras do municipio”. M. L.