Rescatan os tripulantes dunha embarcación que envorcou na ría de Corcubión

Foron trasladados, aparentemente en bo estado, polo helicóptero de Salvamento a Vigo // Un familiar foi quen deu a voz de alerta ao non regresar ao porto de Camariñas
Naufraxio
Manuel Lavandeira
Os dous tripulantes foron rescatados polo helicóptero ‘Pesca 1’ de Salvamento Marítimo. Foto: Gardacostas de Galicia

Os dous tripulantes dunha embarcación foron rescatados na noite do xoves, aparentemente en bo estado de saúde, nas Illas Lobeiras, na ría de Corcubión, despois de afundirse o seu barco. Foron trasladados en primeiro lugar ao aeroporto de Vigo e finalmente ao Hospital Álvaro Cunqueiro para recibir asistencia sanitaria.

O Servizo de Gardacostas de Galicia alertaba ao 112, pouco antes das 22.00 horas do xoves, da mobilización do helicóptero de rescate Pesca I a petición de Salvamento Marítimo de Fisterra. A embarcación non retornara ao porto de Camariñas e un familiar das persoas desaparecidas púxose en contacto coa Garda Civil ao non saber nada delas dende a mañá.

Os dous tripulantes saíran da zona de Lobeiras e os seus achegados non volveran saber deles. O helicóptero de rescate localizounos nunha zona rochosa da Illa Chica, no pequeno arquipélago de Illas Lobeiras, en plena ría de Corcubión. Segundo a propia versión dos protagonistas, a embarcación envorcara e, probablemente aínda que non o sabían con certeza, afundira.

Un buque de Salvamento que estivo explorando a zona non tivo éxito á hora de atopar a embarcación. Por precaución, Salvamento Marítimo de Fisterra non deu por pechada a operación e tiña previsto mobilizar novos medios coa primeira luz do sol para tentar localizala e retirala en caso de que puidera supoñer algún risco para a navegación.

Para este operativo tamén foron informados os efectivos de Protección Civil de Corcubión e Camariñas.