Reurbanización de dúas céntricas rúas da capital de Camariñas

Infraestruturas viarias
Manuel Lavandeira
Sandra Insua, Valentín González e Antonio Leira no acto de firma de convenios. Foto: Deputación da Coruña

COSTA DA MORTE. A Deputación da Coruña financiará as obras de reurbanización das céntricas rúas Ramón Noguera e Irmáns Fernández, de Camariñas, un proxecto para o que achegará un total de 102.676,82 euros.

O presidente da Deputación, Valentín González, e a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, asinaron o convenio de colaboración entre ambas entidades. A actuación centrarase na pavimentación das rúas citadas.

Para isto, aplicarase un novo firme de formigón armado na rúa Ramón Noguera e de aglomerado asfáltico en Irmáns Fernández e o entronque coa Avenida da Coruña. Previamente instalarase unha rede de saneamento de augas fecais con bombeo co obxectivo de canalizalas á red xeral que conduce á estación depuradora e evitando así que se produzan vertidos ao mar. Paralelamente, instalarase outra rede para a recollida e evacuación de augas pluviais.

Finalmente, procederase á ordenación do encontro destas dúas rúas coa Avenida da Coruña. Para facilitar a mobilidade habilitarase un paso peonil de pedra granítica que conectará a Avenida da Coruña coas rúas a través da illa existente, na que se renovará a zona verde, instalarase unha luminaria e tamén unha varanda. Ademais, reordenaranse as prazas de aparcadoiro en toda a zona.