Rolda de visitas aos usuarios do Servizo de Axuda no Fogar de Camariñas

Junquera Vázquez é a nova coordinadora e quere facer unha avaliación de como está a funcionar a prestación
Servizos Sociais
Manuel Lavandeira
Junquera Vázquez, á esquerda, e Begoña Tajes, á dereita, cunha usuaria do SAF. Foto: Concello de Camariñas

A concelleira de Servizos Sociais do Concello de Camariñas, Begoña Tajes, e a nova coordinadora do Servizo de Axuda no Fogar, Junquera Vázquez Casal, comezaron a semana pasada unha rolda de visitas a todos os usuarios e usuarias deste servizo.

A día de hoxe hai 130 persoas beneficiarias do SAF no municipio e o obxectivo desta toma de contacto “é presentar á nova coordinadora, facer unha avaliación de como está a funcionar o servizo e consultar se teñen algunha necesidade a maiores ou axudalos nalgún tipo de xestión”, afirma a edil.

Begoña Tajes avaliou moi positivamente esta rolda de contactos xa que “a reacción das usuarias e usuarios é moi moi boa, polo momento todos nos transmitiron que están moi satisfeitos co servizo e, ademais, este tipo de encontros permiten que lle poñamos cara a todos”.