Rompeu a parte superior dunha das palmeiras da praza Castelao de Corcubión

Afortunadamente non houbo que lamentar danos persoais // Sempre Corcubión esixe que se adopten medidas // Achacan a situación á “inacción” do goberno local
Sucesos
Manuel Lavandeira
Restos da copa da palmeira que caeu á rúa na praza Castelao. Foto: Sempre Corcubión

Na tarde do sábado caía sobre a rúa a parte superior dunha das palmeiras da praza Castelao de Corcubión sen que, afortunadamente, provocase danos persoais nin materiais.

O portavoz de Sempre Corcubión, Alfredo González, esixe que se adopten medidas por parte do goberno local e lembra que xa en outubro do ano 2021 “solicitábamos os estudos fitopatolóxicos para coñecer o estado das especies arbóreas. A primeiros deste ano fixemos unha advertencia, requerindo unha actuación urxente e o pasado 18 de agosto voltamos a falar do estado deplorable das mesmas”.

“A inacción do órgano de goberno de Corcubión” engade, a pesares das reiteradas solicitudes de Sempre Corcubión “puido acabar nunha traxedia tras a caída da parte superior da copa dunha das palmeiras”. Por iso, dende o seu grupo volven a esixir ao executivo local “que tome medidas urxentes de cara a evitar futuras desgrazas”.