Sempre Corcubión pide que se reinicie a contratación do técnico de turismo

Critican que na convocatoria só se conceden tres días de prazo para presentar as solicitudes e que non se publicase a oferta da praza na web municipal
Política municipal
Manuel Lavandeira
A oficina de turismo de Corcubión, de momento, mantense pechada. Foto: Sempre Corcubión

O portavoz de Sempre Corcubión, Alfredo González, pide ao goberno municipal (PSOE) que reinicie o proceso de contratación do técnico/a de turismo, xa que considera que a convocatoria feita pública o pasado día 20 no Boletín Oficial da Provincia, “non está ben feita, xa que só se dan tres días de prazo para presentar as solicitudes”.

Considera ademais que “falta transparencia, pois non se emitiu ningún bando, non se deu publicidade nos medios de comunicación e nin tan sequera se publicou na web do Concello”. Por todo iso, o seu grupo pide que se faga unha nova convocatoria máis transparente e “que se lle conceda un prazo razoable a todos os candidatos e candidatas”.