Silvina Muñoz obtén a bolsa Ruraltivity para desenvolver o proxecto Algareira

No seu obradoiro de repostería de Vimianzo emprega produtos mariños, ecolóxicos e sostibles
Emprendemento
Manuel Lavandeira
Silvina Muñoz, segunda en primeira fila pola dereita, no Encontro Ruraltivity. Foto: Concello de Vimianzo

Vimianzo estivo este mércores representado no lV Encontro Ruraltivity, que reuniu en Madrid a 300 mulleres rurais emprendedoras. O proxecto de Silvina Muñoz, chamado Algareira, recibiu unha das bolsas Ruraltivity, un recoñecemento patrocinado pola Fundación PepsiCo e través do cal 10 emprendedoras rurais accederán a unha axuda directa de 5.000 euros para impulsar os seus proxectos.

Algareira é un obradoiro de repostería innovador asentado en Vimianzo que usa produtos mariños, ecolóxicos e sostibles para as súas exquisitas creacións gastronómicas. Ademais, converteuse nun referente na economía circular por utilizar produtos das hortas da comarca que tamén son xestionadas por outras empresarias.

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, puxo en valor a importancia deste recoñecemento e quixo felicitar “a Silvina por este recoñecemento que, sen dúbida, representa a todas as nosas empresarias nunha contorna que non sempre é favorable para as mulleres. Ínstolle a seguir desenvolvendo o seu proxecto porque terá sempre o noso apoio e admiración”.