Tres alcaldesas de Costa da Morte no encontro que se celebra na Coruña

As rexedoras de Camariñas, Vimianzo e Cee compartiron experiencias con homólogas de Galicia e tamén doutros municipios de España
Xuntanza
Manuel Lavandeira
Sandra Ínsua, alcaldesa de Camariñas, á esquerda, e as súas homólogas de Cee, Margarita Lamela, no centro, e de Vimianzo, Mónica Rodríguez, na praza de María Pita, da Coruña. Foto: Ártabra Comunicación

As rexedoras da Costa da Morte: Sandra Insua, de Camariñas; Mónica Rodríguez, de Vimianzo, e Margarita Lamela, de Cee, estiveron presentes no I Encontro de Alcaldesas “El poder de hacer las cosas bien”, que se está a desenvolver este xoves na cidade herculina.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, remarcaba que “é un orgullo estar aquí hoxe, nun concello no que fun habitante, e asinar esta declaración en María Pita, cunha alcaldesa como Inés Rey. Deberiamos participar en máis actos como este”. Fixo fincapé en que “somos tres as que estamos aquí hoxe, que compartimos todos os problemas. Vivimos as tres momentos moi duros pero é reconfortante poder estar aquí”.

Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo quixo agradecerlle á súa homóloga da cidade da Coruña, Inés Rey, “ter promovido un acto destas características”. “É un día moi importante para as mulleres e aínda que temos moito traballo por diante, a base está aquí, hoxe. É precioso poder compartir este momento coas miñas homólogas e ogallá sexa o primeiro de moitos que se fan”, engadiu.

Pola súa banda, Margarita Lamela, alcaldesa de Cee, destacou que “estar aquí na Coruña coas miñas compañeiras da Costa da Morte, ademais de co resto de Galicia e parte de España, é un fito importante. Hai unha porcentaxe moi baixa de alcaldesas en España, e tamén en Galicia, e temos que ser conscientes da importancia do paso que estamos dando de cara a outras mulleres”.