Tres feridos nunha colisión frontolateral entre dous vehículos en Muxía

Foron trasladados ao hospital Virxe da Xunqueira, de Cee // O accidente tivo lugar na estrada de Touriñán, á altura do desvío cara os lugares de Queiroso e Nemiña
Accidentes de tráfico
Manuel Lavandeira
Vehículos implicados no accidente rexistrado na estrada de Touriñán. Foto: ADC Bombeiros Costa da Morte

Tres persoas foron trasladadas ao hospital Virxe da Xunqueira de Cee ao resultaren feridas nunha colisión frontolateral entre dous vehículos no municipio de Muxía. Segundo informa o 112 Galicia, nun principio non parecían presentar lesións de gravidade. O accidente tivo lugar ás 10.15 horas na estrada de Touriñán, á altura do desvío cara os lugares de Queiroso e Nemiña.

Ata o lugar desprazáronse os bombeiros de Cee, que atenderon aos feridos ata a chegada dos sanitarios do 061 e regularon o tráfico. As persoas feridas presentaban dores no peito, “debido aos cinturóns e os airbags”, segundo sinalan os bombeiros, que se encargaron tamén de limpar a estrada unha vez que foron retirados os vehículos sinistrados.

Tamén se mobilizaron axentes da Policía Local e Garda Civil de Tráfico, así como voluntarios de Protección Civil de Muxía.