Vimianzo remodela o ximnasio municipal

Infraestruturas deportivas
Manuel Lavandeira
Vista exterior do ximnasio municipal de Vimianzo. Foto: Concello de Vimianzo

O Concello de Vimianzo deu comezo ó proxecto de reforma integral do ximnasio municipal. A idea é poder contar cunha infraestrutura completamente renovada e “adaptada á nova realidade”, sinala o concelleiro de Deportes, Mario Andújar. Así, plantéxase a reforma do primeiro andar para a adecuación do espazo ás necesidades das persoas usuarias, e para elo proponse a redistribución de todo este espazo, deixando toda a planta diáfana para o uso como ximnasio, cun pequeno aseo adaptado.

No novo deseño están previstas cinco zonas claramente definidas: unha zona de cardio, con vistas ao exterior por medio dunha gran área acristalada; un corredor de arrastre, en herba artificial; a de musculación; unha de peso morto e outra destinada a estiramentos, ámbalas dúas rematadas con losetas de caucho. Redimensionaranse os espazos de luz para dotar de maior iluminación a todo o primeiro andar, e adaptarase a instalación de fontanería e saneamento para dar servizo ao novo aseo adaptado.

Na zona do porche na planta baixa realizarase unha peza de pedra en formigón armado e instalarase unha varanda en todo o perímetro. Limparanse e pintaranse todas as fachadas do edificio con pintura de acabado mate.

O concelleiro de Deportes, Mario Andújar, confía así en “dotar ao noso municipio dun complexo deportivo acorde ás necesidades da veciñanza, un espazo con moita demanda e cuxas intervencións responden precisamente a isto, ao que xa nos viñan trasladando moitas persoas desde que comezamos a gobernar”, finaliza.